Alimentación Saudable

O día 26 de febreiro do 2016 tivo lugar un relatorio sobre "Alimentación saudable" organizado po la Escola Galega de Saúde para Cidadáns na fundación Ortegalia de Ortigueira. A docente do mesmo foi Ana Mª Martínez Lórente, técnico do servizo de Hábitos de vida saudables da Consellería de Sanidade

O obxectivo foi concienciar á poboación da importancia de practicar hábitos saudables e mellorar a calidade de vida contribuíndo á prevención de enfermidades. 

En primeiro lugar, e como breve introdución déronse a coñecer algunhas nocións elementais das repercusións do estilo de vida ao longo da vida e concretamente do patrón dietético na saúde. Posteriormente invitouse aos participantes a organizarse en grupos para desenvolver 3 exercicios prácticos. No primeiro, tiñan que expresar aqueles aspectos que determinan a elección de alimentos e os criterios que para eles constitúen unha alimentación saudable. No segundo, invitóuselles a elaborar menús para distintos grupos de poboación. No terceiro, tiveron que interpretar distintas etiquetas nutricionais e comentar aqueles aspectos (información, perfís nutricionais...) relevantes para as eleccións cotiás. Cada un dos 3 exercicios foi seguido dunha explicación sinxela por parte da docente e a partir dos coñecementos previos do alumnado. Emitíronse tamén consellos sobre o patrón alimentario nas distintas etapas vitais e, en función das diferentes patoloxías dos asistentes, algúns criterios nutricionais clave tento en conta os distintos tratamentos e os condicionantes da enfermidade crónica.

Os medios, o espazo, as facilidades e o interese que amosaron as organizadoras da actividade foron determinantes para manter en todo momento un clima moi favorable para a adquisición de habilidades. A aprendizaxe foi activa e moi participativa ao longo de toda a actividade formativa.​

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Galicia o bo cambio