Coloración vermella da pel ao redor do estoma
- Coloración vermella leve ou máis severa da pel.
- Podes previr esta complicación se limpas e secas moi ben a pel da zona do estoma diariamente e cada vez que a pel se atope húmida.
- A placa de fixación deberá sempre estar axustada á pel, así evitarás rozaduras.
- Para tratar a zona arroibada de forma leve existen cremas especiais.
- Para tratar a zona arroibada de forma máis severa, existen pomadas e pos que favorecen a curación.
Dermatite
É a inflamación da pel da zona do estoma. Aparece con erupción vermella e produce proído.
A causa pode ser unha reacción ao composto do dispositivo ou a algún medicamento. O máis habitual é o contacto cun líquido irritante, como ocorre co refluxo do propio estoma.
A aplicación na zona de crema con corticoides, alivia a irritación e o proído. Cómpre coñecer cal é a causa.
Ulceración do estoma
É o dano en forma de ferida da pel da zona. Pode ser superficial ou chegar a capas máis profundas da pel.
A causa máis habitual é o exceso de presión na zona, á causa do dispositivo ou a placa de fixación.
Limpa ben a lesión con soro fisiolóxico, seca ben e aplica o tratamento indicado polo profesional sanitario.
Crecemento excesivo do tecido de granulación
Na zona do estoma aparece tecido arroibado, elévase sobre o nivel da pel e o aspecto é granulado, mesmo pode sangrar con facilidade ao tocalo.
A posible causa é a presenza de exceso de humidade na zona ou a presión contínua da placa do fixador sobre o estoma.
Debes consultar esta complicación cun profesional sanitario.
O tratamento pode ser local, con aplicación de nitrato de prata, ou se fose necesario, mediante unha pequena intervención por parte do cirurxián.
Infección do estoma
É unha das complicacións máis frecuentes.
Aparece arroibamento e inchazón. Tamén pode aparecer febre, dor e exudado na zona do estoma.
Sería interesante tomar unha mostra do exudado para poder analizar no laboratorio de microbioloxía e así poder elixir o tratamento antibiótico específico.
Como prevención, é recomendable cepillar os dentes tres veces ao día, utilizar un antiséptico oral e manter os beizos lubricados.
Fuga do contido gástrico
Se a través do estoma se exterioriza alimentación ou mollos gástricos ao redor da sonda e isto se mantén no tempo sen solucionar, pode provocar importantes lesións na pel.
A causa pode ser un tamaño de calibre de sonda inadecuado para o tamaño do estoma. Ou pode ocorrer que o disco de fixación non estea ben adaptado ou variación no peso corporal.
Deberá ser valorado por un profesional sanitario.
Dor na zona do estoma
Sangrado periestomal
Pode ocorrer durante o cambio de sonda. Tamén se hai excesivo tecido de granulación.
Se o sangrado é pequeno, será suficiente con aplicar presión sobre a zona. Nuns minutos xa debería cesar. Se isto non é así, debes pedir atención médica.